Friday 03 de May de 2024

O PSOE de Ordes solicita o arranxo de varias pistas no municipio e unha maior vixilancia policial nas rúas


O PSOE de Ordes solicitará na sesión plenaria de xoves o arranxo da pista do Fruxil, na Brea (Mesón do Vento), así como a roza e limpeza da calzada da marxe esquerda da prolongación da Rúa dos Lagartos, en dirección á estrada Ordes-Lanzá, por unha cuestión de seguridade dos peóns que circulan por este camiño. Así mesmo, os socialistas solicitarán o desbroce da pista que une a estrada de Vilasuso a Deixebre (a través de Casas do Monte) cos labradíos e o monte de Beán.

Ademais, os socialistas ordenses pedirán a reparación dos cruces centrais de concentración parcelaria e a colocación da sinalización vertical precisa, debido a que teñen moito tráfico rodado e carecen de sinais de tráfico. Neste mesmo capítulo de sinalización, os socialistas apremiarán ao Concello a que repinte os pasos de peóns da Vila de Ordes e que inste ao Ministerio de Fomento, á Xunta e á Deputación a facer o propio coas estradas que están baixo a súa responsabilidade. “A principio de ano xa trasladamos ao Concello a necesidade de repintar os pasos de peóns de Ordes, como posteriormente fixeron tamén outros grupos. Pero dende o Concello estase a facer con excesiva lentitude”, denuncia Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista.

Por último, os socialistas ordenses pediranlle ao Concello que incremente a presenza da Policía Municipal a pé de rúa. “Un número importante de veciños nos están facendo chegar o seu descontento pola pouca vixilancia que se está a facer en Ordes sobre diversos asuntos como terrazas que ocupan literalmente as beirarrúas, cans perigosos preto dos parques onde xogan nenos, deterioro de mobiliario urbano…”, apunta o voceiro municipal socialista.